Solo tienen de estas?, ¿tienen que ser de papel? ¡Pues menuda moda, a ver si la cambian! — protestaba una clienta no mostrador dunha tenda, mentres collía desconfiada a bolsa de papel que lle daba o dependente.

—No es una moda, señora, es una ley —explicáballe o rapaz.

—¡Pues a ver si cambian de ley! —marchou toda ofendida, non sei co dependente, coa norma ou con todo á vez.

Supoño que eses que se definen orgullosamente como "politicamente incorrectos" están metendo as bolsas de plástico no saco das cousas impropios de homes que se visten polos pés, como crer que existe violencia de xénero ou abominar dos espectáculos nos que se torturan bichos. A min o que me parece é que, para variar, converteuse unha medida necesaria nun instrumento para que uns ganen (máis) cartos e outros se culpabilicen (aínda) máis.

Calquera que lle teña botado un ollo a un vertedoiro, ou ás beiras dun río, convirá en que os plásticos pasaron de ser algo moi útil a ser unha praga bíblica. Non sei se peor que o de que se derretan os glaciares ou o do buraco do ozono, pero malo é. Pero non vexo moi lóxico pagar 0,50 euros por unha bolsa cando compro tres quilos de patacas a granel (obviamente, non mas van envolver en papel de periódico), e ao mesmo tempo que vendan froita e verduras en bandexas plastificadas, ou que se mercas un melón teñas que metelo nunha bolsa para pasalo por caixa.

Se o que se pretende é retirar algo do mercado, hai tres maneiras. Unha é deixar de fabricalas, ou de vendelas, que é o que se pretende facer en Galicia cos vasos e cubertos de plástico a partir de 2020, co que ademais de ganar o medio ambiente, ganan tamén os nosos padais (aínda que non sei en que servirán as birras nos estadios e nos acontecementos de masas). A segunda forma é pagar a quen os devolva. Plásticos, latas, cápsulas de café pijo ou botellas de vidro, como se facía antes cos cascos de cristal. Porque esas cousas que se reciclan suponse que, a maiores dos beneficios para o medio ambiente, teñen un rendemento económico. Nese caso, por que se ten que facer ese traballo de separalos a base de chamamentos ao civismo? Non digo que non se faga de xeito altruísta, pero sempre é preferible darllos a alguén que pode sacar uns cartos levándoos a onde llos paguen que aforrarlle esforzo e diñeiro a unha empresa, digo eu.

E a terceira é a contraria da segunda e a que empregan maioritariamente as cidades cun índice de reciclaxe que está entre o 80% e o 52%: San Francisco, Seúl, Milán, Múnic, Adelaida, Amberes, Tallín, Cardiff, Liubliana, Parma... O cidadán paga segundo os restos que produce (nuns casos os orgánicos, noutros os inorgánicos, noutros os dous). Así que xa se preocupa de xerar o menor lixo posible. En América son máis imaxinativos: en México D.F., entre outras medidas, hai uns mercados do troco (oficiais, e con prezos ídem) onde os urbanitas van cambiar os restos reciclables por produtos de horta cos campesiños da contorna. En Bos Aires, pola entrega de material reciclable dan cupóns-desconto para produtos de cosmética. De todas formas, aquí mira que non levamos anos de adianto no de reciclar somieres ou bombos de lavadora.