-Despois de casi un ano de loita xa está convocado o concurso. Mereceu a pena?

-Loxicamente, esta é unha semana histórica para nós. Logo dunha loita de máis dun ano conseguimos que houbese unha rectificación por parte do Ministerio de Defensa e da Xunta. O fito é importante e estamos expectantes para ver como se pecha o proceso.

-Que lle parecen as condicións que recolle o prego do concurso?

-Se eu puidese xestionar o tema faríao doutra forma, comezando pola axilidade do proceso, que creo que se desenvolveu moi lentamente, algo que a administración debe de corrixir. Valoro do prego que as condicións económicas non son leoninas, aínda que creo que se poderían mellorar un pouco. Con todo, ábrese unha alternativa que xa nos gustaría que estivese aberta hai un ano.

-O prego tampouco obriga ao próximo xestor a contratar aos empregados que foran despedidos. Que opina?

-Se unha empresa pecha e son os traballadores despedidos e, en concreto, o sindicato UGT, quen foron capaces de darlle a volta á tortilla, creo que si que temos o dereito moral a ser contratados. Pero é un dereito moral. Legalmente iso non se pode establecer porque sería impugnable, loxicamente, por toda aquela xente válida que está no paro igual ca nós e que pode aspirar a un posto. Dereitos legais non temos, pero si morais. - a iso hai que sumarlle as ganas que temos de traballar e de sacar todo isto para diante.

-Para os canons esíxese un mínimo anual de 200.000 e para os avais unha achega inicial de 50.000 euros. Son excesivos?

-Eu opino que se poderían suavizar, pero eu non son o xestor. Con todo, o concurso, á hora de analizalo, hai que velo desde un punto de vista máis global. Defensa sacou a concurso unhas instalacións, unha actividade que se vai poñer no mercado e que en España non ten moitos competidores. A iso súmase o feito de que a fábrica está moi ben situada para poder satisfacer as necesidades das Forzas Armadas e de que se vai poder producir para a industria civil cunha tecnoloxía gratis do máis sofisticada. Xa digo, as condicións son mínimas pero eu suavizaríaas máis, polo menos até que non comece a haber beneficios, pero iso é algo que terá que negociar directamente a empresa co Ministerio de Defensa.

-Vendo o proceso con perspectiva, cre que as administracións, desde a local até a central, estiveron á altura?

-Nisto hai que saber distinguir. Aquí houbo alguén que sempre estivo á altura das circunstancias, que foi o alcalde, Carlos Negreira, e a oposición. O Concello estivo desde o inicio con nós e dío alguén que non votou polo PP e que está afiliado ao PSOE. Á Xunta custoulle moito poñerse do noso lado porque tiña ao Ministerio, da mesma cor política, presionando por outro. Tanto o Goberno galego como o central cambiaron de opinión e non podemos facer outra cousa máis que recoñecelo.

-Cal é o papel da Administración no proceso que acaba de arrancar?

-Terá un papel crucial. Eu creo que é moi fácil poñer isto no mercado e que aparezan xestores de todo tipo. Por iso a Administración vai ter que ser moi cauta neste tema, sabendo depurar os espabilados e especuladores dos inversores de verdade. Hai algúns grupos que xa dixemos que nos cheiraban mal e haberá que estar atento a este tipo de xente.

-Confía en que cheguen moitas ofertas pola factoría?

-Eu creo que non é cuestión de moitas ofertas como de que haxa ofertas razonables. Alén diso, os ministerios de Industria e Defensa tamén terán que aproveitar as relacións diplomáticas e, a través das embaixadas que teñen pola Unión Europea, anunciar este concurso a posibles inversores de países, como Francia, Bélxica ou Alemaña, que seguramente poidan estar interesados nisto.