Mañá é o Día Internacional da Liberdade de Prensa, e digo "é" e non que se celebra pola mesma razón que tampouco digo que onte se celebrou o Día Internacional dos Traballadores. Porque celebrar hai ben pouco que celebrar. No que se refire ao da Prensa, poderíalles dar unha chea de exemplos que evidenciaran que de celebración, nada, pero chegan dous. O de Gaizka Garitano, o adestrador do Eibar, que abandonou a sala de prensa do Almería cando uns tipos empezaron a criticar que respondese en euskera as preguntas que lle fixeron nese idioma. E o de Rafael Catalá, o ministro de Xustiza, que dixo e desdixo que se podía sancionar os medios que publicaran filtracións de sumarios.

Garitano non é que teña dereito a expresarse na lingua que considere, e os xornalistas a ser contestados na que preguntan, é que os espectadores da ETB e os seguidores do Eibar teñen dereito a escoitar o de "hoxe non foi o noso día, tentámolo, pero o partido púxosenos de costas" no seu idioma. Se iso supón o tremendísimo e irremediable agravio de que hai uns xornalistas almerienses que teñen que estar cinco minutos oíndo algo que non entenden, poden xogar ao Candy Crush ou escoitar a Miley Cyrus, que seguro que o pillan todo. O caso é que os dous raiantes resultaron non ser xornalistas. (Non vexan alegría gremial ningunha: hai profesionais que defenderían que "en las competiciones nacionales hay que hablar castellano", e logo ven normal que tipos que cobran salarios astronómicos falen no que lles peta. Nisto dos idiomas hai moita mentalidade de abusón de patio de colexio: servil cos fortes, déspota cos pequenos). Un era un profesor de instituto (!) que vai as roldas de prensa coa muller e outro un federativo, colaborador dunha emisora. Pois a liberdade de prensa ten que ver tamén con quen é periodista, e quen decide quen o é, unha cuestión que leva anos agachada por intereses empresariais e complicidades varias.

O do ministro de Xustiza que pretendía sancionar aos medios que publicasen filtracións e logo dixo que non, non foi un lapsus. Foi un globo sonda. En realidade, foi unha inxenuidade. O seu predecesor xa tiña preparada a medida, agachada no anteproxecto de Lei Procesal, na que facultaba ao fiscal instrutor a facer calar a actores e testemuñas (mesmo o veciño ese que di que o asasino sempre saudaba) ata o momento da vista oral, e sancionar aos medios que non fixeran caso da tal lei do silencio. Tan disimulada estaba a cousa que houbo instancias profesionais que non lle viron inconveniente á norma. E por que molestan as filtracións sumariais? Porque se as corruptelas que acaban en sumarios xudiciais son soamente a punta do iceberg das que se cometen, como pasa con calquera delito, as que rematan en condena son aínda moitas menos. Como se fartan de dicir os mencionados nos sumarios, "lo que hice no es ilegal". Hai cousas que finalmente non son ilegais, pero son pouco éticas, ou directamente inmorais. Se non, que mal hai en sabelas? Poderían, si, promover unha lei que defendese aos cidadáns dos abusos dos medios, pero entón, volvemos ao de antes, quen é periodista, que pasa cando un minte, etc., e a bastantes lles interesa deixalo como está.