O director da CRTVG xustifica non pagarlles aos realizadores de curtas porque non son "profesionais"

Sánchez Izquierdo, na comisión parlamentaria CC-BY-SA Praza Pública

Hai unhas semanas o Observatorio Audiovisual de Galicia publicou un informe que denunciaba a nova política iniciada pola CRTVG en relación coa emisión de curtametraxes e o apoio ao sector audiovisual, baseado en solicitarlles aos realizadores destas pezas curtas a cesión dos dereitos de emisión das súas obras sen remuneración ningunha. O informe analizaba de forma global o apoio emprestado pola TVG ás curtametraxes nos últimos anos, poñéndoa en relación coa súa obriga "de desenvolver o cinema e o audiovisual dentro de Galicia" e coa política seguida por outras canles autonómicas. O informe criticaba as "claras regresións" no investimento da televisión pública en curtametraxes e "un interese nulo" por apoiar este formato.

Sánchez Izquierdo xustificou a política seguida e a decisión de non pagar por estes produtos, destacando que aínda que a TVG non retribuía economicamente estes autores, si lles ofrecía visibilidade

Este xoves a deputada do BNG Ana Pontón trasladoulle estas críticas e análises ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, instando a modificar a procedemento seguido polo ente público. Na súa réplica Alfonso Sánchez Izquierdo xustificou a política seguida e a decisión de non pagar por estes produtos, destacando que aínda que a TVG non retribuía economicamente estes autores, si lles ofrecía visibilidade, e negando que estes realizadores se puidesen considerar "profesionais" do sector: "Dentro deste espazo [Zig-Zag/Eirado] abriuse unha ventá para a exhibición deste produto cultural de novos realizadores que en xeral fan as súas primeiras aproximacións en experiencias deste tipo. Non se trata polo tanto de traballos de profesionais do sector ou encargas de produtos televisivos, senón de poñer en coñecemento do público as iniciativas e propostas feitas nese formato para que sexan coñecidas polo público e mesmo dar a posibilidade aos seus autores de amosar as súas creacións"

O director xeral da CRTVG obviou que ata hai pouco a TVG emitía o programa Onda Curta, que si pagaba polos dereitos de emisión das curtas, como é habitual noutras televisións públicas de toda España

Sánchez Izquierdo obviou que ata hai pouco a TVG emitía o programa Onda Curta, un espazo que adquiría os dereitos de emisión dunha curta (por cinco anos) pagando 100 euros por minuto máis o IVE correspondente. Este programa semanal de media hora de duración, desaparecido da grella da TVG, tiña un orzamento anual de 152.000 euros, un 0,152% do orzamento total da CRTVG, situado nos 100 millóns de euros. Tamén esqueceu que, como lembraba o informe do Observatorio, outras canles públicas de todo o Estado, dende a ETB á TV3, pasando por Telemadrid ou La2 si apoian economicamente os e as creadoras de curtametraxes.

"Cans dedicou este ano 5.800 euros para remunerar o esforzo dos realizadores. Sempre é pouco e dámolo con moito esforzo, pero é bastante máis do que dedica a TVG, que quere aproveitarse deles e facelo gratis", afirman dende o festival

Sánchez Izquierdo tamén afirmou que "está fóra de contexto falar de profesionalizar o sector ou non, ou de aforrar gastos na TVG grazas a non pagar por difundir ao público unha serie de curtametraxes, como tampouco fan as xornadas ou festivais de curtas que se celebran en distintas vilas e cidades do noso país". Esta última afirmación, referida á política seguida polos festivais de curtas, foi contestada polo Festival de Cans, que sinalou que "Cans dedicou este ano 5.800 euros para remunerar o esforzo dos realizadores. Sempre é pouco e dámolo con moito esforzo, pero desde logo é bastante máis do que dedica a TVG, que quere aproveitarse deles e facelo gratis". Os responsables deste festival engadiron que "o peor é que as asociacións e festivais teñamos que suplir cos nosos precarios presupostos as funcións que debería facer a televisión pública de Galicia". "Os que non somos profesionais, como di el, impulsamos os novos creadores, e os que son profesionais, coma el, nin se preocupan por coñecer a realidade audiovisual do país", concluíron.

O informe do Observatorio do Audiovisual pechábase instando a CRTVG a buscar "novos modelos de colaboración co sector" e "novas maneiras de establecer apoios ao sector audiovisual de Galicia que reincidan alén da simple emisión do produto".

Gravación dunha curtametraxe CC-BY-NC-SA Bibliotecas municipais da Coruña
Sánchez Izquierdo, na comisión parlamentaria CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.