A primeira enquisa pública da precampaña pon a Feijóo á beira da maioría absoluta

Pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

As diversas organizacións políticas galegas manexan internamente enquisas dende hai semanas, na súa práctica totalidade procedentes dunha única fonte. Estes inquéritos, segundo fontes consultadas por esta redacción, veñen situando o PP nun intervalo de entre 34 e 36 escanos con tendencia á alza dende que Alberto Núñez Feijóo anunciou a súa decisión de recuncar como candidato. Asemade, avanzan un panorama preelectoral no que a entrada de Ciudadadanos no Pazo do Hórreo lle permitiría aos conservadores soñar cun terceiro goberno. A primeira enquisa pública desta precampaña non só afonda nesa tendencia, senón que ademais ubica o PPdeG ao bordo da súa terceira maioría absoluta.

O xornal ABC publica este domingo un inquérito realizado pola consultora GAD3 entre o 4 e o 6 de abril, xusto despois de que Feijóo escenificase a súa repetición á fronte da candidatura do PP. Co actual presidente como único candidato coñecido a enquisa augura un panorama no que o PP retrocedería apenas dous puntos en estimación de voto a respecto dos resultados de 2012 que lle outorgarían un intervalo de entre 36 e 38 escanos, isto é, de 3 a 5 asentos menos que na actualidade pero suficientes, no mellor dos escenarios para os seus intereses, como para volver gobernar con maioría absoluta.

Feijóo podería aspirar, segundo o inquérito, a renovar goberno en solitario ou co apoio de Ciudadanos

Alén da evidente posición de vantaxe inicial que lle outorga aos populares galegos a expectativa dunha terceira maioría absoluta en plena crise económica e en pleno devalo xeral do PP, o estudo de GAD3 dálles tamén un motivo adicional para a esperanza. O partido de Albert Rivera entraría no Pazo do Hórreo con entre 2 e 3 escanos e arredor do 5% dos votos, segundo GAD3. Esta representación de Ciudadanos podería, eventualmente, facilitar a investidura de Feijóo se non lograse os 38 escanos necesarios para o nomeamento en solitario.

Mentres, sempre segundo os datos da enquisa, a banda esquerda reestruturaríase moi notablemente. Ao contrario do que as diversas forzas políticas din agardar en privado, esta proxección mantén o PSdeG como segunda forza política, tamén con apenas un punto menos que en 2012 e retrocedendo entre 1 e 3 escanos, ata un intervalo de 15 a 17. A continuación estaría o espazo de En Marea, con entre 14 e 16 escanos e medrando uns 4 puntos a respecto dos votos que recibiu AGE hai 4 anos. O BNG, pola súa banda, tería un retroceso de algo máis de tres puntos que o deixaría ao bordo da obtención de grupo parlamentario, con 4 ou 5 representantes.

A enquisa realizouse sen ter en conta que A Coruña gañará o escano perdido por Lugo a causa da mingua de poboación

Os propios autores da enquisa admiten, non obstante, unha cautela na súa distribución de escanos. Esta foi realizada "segundo a distribución de escanos por provincia en 2012", é dicir, sen ter en conta que a perda de poboación da provincia de Lugo vai provocar, como relatou Praza.gal, que elixa un escano menos, quedando con 14, mentres que A Coruña gaña un e chega a 25. Este trasvase, indica ABC, deixaría os de Albert Rivera fóra de Lugo e sumaría un escano a En Marea, que nese escenario estaría a piques de situarse como segunda forza, por diante do PSdeG.

Estas estimacións obtéñense nun escenario no que o único candidato confirmado á Presidencia -alén de Democracia Ourensana, que a enquisa obvia- é o propio Feijóo. Agás sorpresa a seguinte organización en confirmar a súa candidatura será o BNG, que vén de iniciar un proceso de elección que culminará o vindeiro día 30. Mentres, aínda é descoñecido cando se celebrarán as primarias para o PSdeG e quen concorrerá a elas, así como o proceso que finalmente seguirán as mareas para constituír a súa candidatura, elaborar o seu programa e elixir a persoa que as lidere nos comicios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.